A NOSA CIDADE
Nos folletos turísticos que vostede recibe ao desembarcar en Vigo cóntanlle que a gran cruz de pedra que esta situada aos pés de El Castro, foi erixida en memoria dos soldados caídos, creando así a idea de que tamén en Vigo, como noutras partes do mundo, existe un monumento en lembranza e homenaxe ao soldado descoñecido.
Pero non, a cruz de Vigo non simboliza iso. Velaí a súa verdadeira historia:
En 1936 un sector do exército ao mando do xeneral Franco levantábase en armas - co inestimable apoio das tropas de Hitler e Mussolini - contra o goberno lexítimo da República comezando unha guerra que habería de durar tres anos e que provocaría un millón de mortos, medio millón de exiliados e máis de douscentos cincuenta mil presos políticos.Durante a II Guerra Mundial, o réxime do xeneral Franco mobilizou un corpo de voluntarios falanxistas ("División Azul”) e enviounos a Rusia para loitar ao lado do exercito alemán vestidos co uniforme da Wehrmacht e levando nas súas guerreiras a cruz gamada nazi.
Para perpetuar a memoria dos soldados "caídos" na chamada Cruzada de Liberación e a dos que morreron na fronte rusa, o xeneral Franco ordenou erixir por toda España grandes e colosais cruces de pedra que tivesen "a grandeza dos monumentos antigos e que desafíen o tempo e o esquecemento". E así, nas faldas do monte de El Castro e no lugar que no seu momento se chamou "Praza da División Azul ", a cidadanía viguesa e os que visiten a nosa cidade deberán soportar, aínda hoxe, a visión dun símbolo do fascismo que ofende a memoria dos que loitaron contra el e deron, como en moitos países de Europa, a súa vida en defensa da liberdade e a democracia.
Imaxínan vostedes algún país onde aínda exista un monumento deste tipo? Miles de vigueses e viguesas veñen demandando das autoridades locais (do alcalde Sr. Caballero) a demolición desta cruz, exemplo máximo de ignominia e ofensa ao pobo de Vigo.
Por iso pedímoslles a todos vostedes que cando retornen ás súas casas, cando volvan aos seus países de orixe, lles conten aos que queiran oílos que en Vigo, no sur de Galiza, existe un monumento adicado ao fascismo. Sería un xeito solidario e fraterno de contribuír, xunto coas xentes desta cidade, á súa demolición.
Grazas por adicarnos parte do seu tempo e animámolos a que disfruten da súa estadía na nosa cidade da que nos sentimos moi orgullosos.
Se quere ampliar a información en www.asemblearepublicana.org
Cap comentari:
Publica un comentari a l'entrada